Blogia
terraepovo

NÓS, somos

NÓS, somos

Asociación cultural

TERRA e POVO

 

1º.-A NOSA TERRA, O NOSO POVO.

Terra e Povo é unha asociación cultural galega, identitaria e europeista, que naceu co obxectivo principal da defensa da nosa identidade europea e tamén da promoción do estudo e a difusión da heranza étno-cultural do noso povo europeo, asi como dos vencellos etno-culturais entre os nosos irmáns da antiga Gallaecia, ora Asturias e León ora do norte de Portugal, ora dos países célticos de Bretaña, Éire, Escocia, Gales, Cornualles e Illa de Man.

Terra e Povo considera a Europa como a nación a construir nun futuro, que xa é presente. A actual configuración do equilibrio mundial fai que só os grandes bloques xeopolíticos  sexan capaces de ser protagonistas da historia, centros efectivos de poder e decisión e á súa vez asegurar aos seus habitantes ser actores políticos e non simples observadores obedientes às ordes e intereses alleos á sua realidade e á sua vontade. Seguindo as teses de Guillaume Fayé, economicamente tamén propugnamos a creación de grandes espazos autocentrados autosuficientes, capaces de rachar coa actual dinámica tendente a un uniformado e único Mercado mundial, cun poder e dirección en moi poucas mans - que se traduce tamén no poder e dirección económico-político do planeta.

Cremos, como consecuencia do anteriormente dito, que é necesaria a construción da entidade política da Europa unida desde Compostela até Vladivostock.

Recuperando a nosa mais antiga e completa forma política, cremos na constitución desta unidade baixo a forma de Imperium, de integración superior na diversidade, rexeitando a forma dun macro-estado “xacobino”, e discutindo a fórmula de Unión Europea que, ora ben, apoiamos en certa medida, mais denunciamos a sua deriva burocrática e mundialista ademais da sua sumisión à Nova Orde Mundial e a súa ausencia case total de vontade política e militar no mundo.

Alén destas consideracións,  o noso anceio é a construción dunha Europa, una e unida, por motivos de orixe e identidade común. Para nós, a unidade de Europa baséase na súa esencia propia, a modo de imperativo categórico, e cremos que debe ser unha unidade real, baseada en valores inmutábeis e non en circunstancias cambiantes.

A unidade da Europa deriva fundamentalmente da identidade e heranza común de todos os povos e países que a forman, todos eles herdeiros dos povos indoeuropeos que, desde o seu núcleo noreuropeo inicial se extenderon polo noso continente, e posteriormente tamén por outros, dándolle ao mesmo a forma e a natureza polas que ainda se diferencia do resto do mundo. Algunhas excepcións puntuais remítense tamén a núcleos mais arcaicos saidos antes do fogar común, pero sen dúbida algunha, pertencentes tamén à mesma realidade etnocultural, ou a certas invasións alóxenas que en realidade deixaron pouco mais que algúns xentilicios  e linguaxes dos que a sua verdadeira natureza ainda hoxe en día é discutida.

 

 

 

2º.-O NOSO ESPIRÍTO.-

            Cremos na reafirmación dos valores e principios comúns a todas as relixións indoeuropeas e denunciamos os valores alóctonos que se teñen introducido na Europa por relixións orixinarias das zonas desérticas do Próximo Oriente. Recoñecemos que o Catolicismo e outras formas de Cristianismo europeo absorberon en moitos casos os valores e os principios propios da nosa heranza, que se converteron, en grande e boa parte, do íntimo sentir relixioso de moitos europeos.

Mais nestes tempos convulsos, parafraseando a Friedrich Nietzsche, afirmamos con el, que precisamos agora de mulleres e homes valentes e previsores, os cales non é posible que xurdan da nada, moito menos da area e do lameiro da civilización actual e da formación das grandes cidades. Precisamos homes que sexan capaces intelixentemente de estar contentos de continuo cunha actividade invisíbel, en silencio, sós e decididamente. Homes e mulleres que sentindo un impulso procuren precisamente aquilo que é preciso superar neles propios.

Denunciamos a presenza na nosa terra de forma relixiosas con vontade de expansión política e totalmente alleas à nosa tradición e historia, que frecuentemente serviron como base ideolóxica para o ataque da nosa Grande Patria europeia. Do mesmo xeito denunciamos a actual pseudorrelixiosidade, baseada simplesmente no “ben-estar persoal” e dirixida a  todo tipo de inadaptados, que co nome e baixo o amparo da chamada New Age, neutraliza e neurotiza a moitísimos concidadáns.

 

3º.-O NOSO EUROPEISMO.-

Terra e Povo, enmarcado dentro do movimento identitario europeo, maniféstase a favor da defensa das persoalidades propias de cada unha das “patrias carnais”, que forman a nosa grande Europa. Nun mundo con forte tendencia ao individualismo -ese egoismo en estado puro-, nunha sociedade que esquece o pasado e a realidade dos povos en beneficio da universalización da persoalidade global e do mercado único, é a nosa obriga axitar as conciencias e disipar brétemas.

En absoluto  apoiamos a idea de que cada etnia europea chegue a converterse nun estado propio e “independente”. Consideramos que a independencia é a capacidade de exercer un papel na historia e no mundo acorde à propia vontade, sen dobrarse aos intereses de ningunha potencia allea, pois somos conscientes que Europa non precisa de micro-estados independentes, polo contrario “interdependentes” para facer frente ao seu futuro cara a Nova Orde Mundial, que é o grande poder tiránico internacional.

Inspirados no amor à Terra e a Tradición e nos nosos intelectuais da nosa cultura galega, con predilección pola da Xeración NÓS, e polos tradicionais conceitos da política europea, eclipsados pola cegueira desta Modernidade, manifestámonos contrarios a calquera idea uniformizadora e centralista de Estado e esiximos a cada un deles, a adopción dunha composición interna respetuosa coa pluralidade que integra.

Manifestámonos a favor do proceso de unificación europea a realizar por cada un dos Estados actuais, no mantemento das persoalidades e realidades propias de cada comunidade étnico-histórico-lingüistica. Di  Otero Pedrayo que as culturas nacen e morren na historia, coexisten e sucédense, interfírense mutuamente na superficie  pero no fondo cada unha garda un sino de seu, propio, inalienábel.  E como dixo Vicente Risco, diremos que o tan actual e cansinamente “cantado” até a saciedade “hibridismo das culturas”, a sua mestizaxe, é a esterilización da persoalidade individual e colectiva dun povo, en estado mental de decadencia.

 

 

 

4º.-A NOSA REALIDADE SOCIO-CULTURAL.

Nestes tempos nos que non se pode falar do “arraigo” ou “memoria colectiva”, cremos que toda persoa nace como herdeiro: Non hai identidade dos individuos ou dos povos sen ter en conta o que os produciu, a fonte orixinal da cal provén. Estamos ao igual que Alain de Benoist, a prol do “dereito à diferenza” e contra todos os racismos.

A diferenza é a única forma de fuxir dun duplo erro: o primeiro pregoado pola neoesquerda, que consiste en crer que a “fraternidade común” ou “alianza de civilizacións” realizarase sobre as ruinas das diferenzas, a erosión das culturas e a homoxeneización das comunidades; o segundo, pregoado polos neolibearais e neoconservadores,  que consiste en facer crer que o “renacer” da nación farase inculcando aos seus membros (autóctonos e alóctonos) as “virtudes do Estado”.

Co gallo de que precisamos inmigrantes para sanear as nosas contas da Seguridade Social, os políticos entonan o tan mallado canto de que eles serán os que paguen as nosas pensións, mais o que non cantan é que eles tamén envellecen e que loxicamente no futuro demandarán todos os dereitos e servizos do Estado, mais ¿cando “a panacea da inmigración” para sanear as nosas pensións non funcione porque toda a cidadanía se verá obrigada a contratar plans privados de pensións (tal como acontece agora), que é o que acontecerá? Se hai excesiva inmigración, ¿ non haberá salarios mais baratos, maior precariedade laboral e menor  poder adquisitivo e consecuentemente  disminución da natalidade? ¿Quen sae beneficiado de todo isto?

O verdadeiro debate non reside na falsa premisa de “racismo-antirracismo”, que distorsiona o verdadeiro asunto. A cuestión está entre os que odian a diferenza e pretenden eliminala, mediante a desaparición de toda diferenza ou identidade nunha mestizaxe etno-cultural universal. Mais cumpre lembrar con Álvaro Cunqueiro que “iso que chaman “o universal” non existe, todos somos xente cun pais ao fondo ou xente totalmente desarraigada, xente que non se adhiere a nada. Canto mais é un do seu tempo e do seu pais, cando un é mais do seu espello e da sua paisaxe, ten entón as maiores posibilidades de ser Verdade, de ser verdadeiro e entón chegar à maior cantidade de almas humanas”. Nós, gostamos das diferenzas  de almas e espíritos. Nesa diferenza, reflexo das distintas formas humanas de estar no mundo, é onde reside a verdadeira riqueza da humanidade.

 

           5º -A NOSA REALIDADE POLITICO-ECONOMICA

                       Cremos na Defesa da nosa terra e do noso hábitat mediante unha etica tradicional, inspirada polos pensadores da Tradición ou Sophia Perennis (Julius Evola, R. Guénon, Jean Mabire, Jean Haudry, etc)     , pois consideramos a natureza como un santuario sacro, no que o home é o lugar onde o Céu e Terra encóntranse.

Cremos nunha  política económica responsábel, un socialismo identitario fronte o consumismo e a “cultura do ben-estar”. Terra e Povo concibe a política e a  economía como uns instrumentos ao servizo da comunidade e non a comunidade como un instrumento ao servizo da  política e a economía, como acontece na sociedade actual, na que todo xira arredor de parámetros económicos. O sistema actual de mercado está construido de xeito que o círculo de produción e consumo ten que xirar indefinidamente e a unha velocidade crecente pois doutro modo o sistema resintese podendo cegar até o colapso. A relación produción–consumo, pechouse sobre sí propia. Xa non depende das necesidades reais da comunidade, nen da capacide do entorno de soportar o nivel de produción que o sistema precisa. Prodúcese e consúmese, simplesmente para manter en movimento o ciclo do sistema.

Terra e Povo denuncia a tiranización da globalización da economía, pois baixo as “caretas de Entroido” de “axudas ao desenrolo”, traslada os seus centros de produción a países con man de obra moitísimo mais barata, favorecendo a explotación en ditos países e unha taxa de desemprego artificial nas comunidades de orixe.

A globalización tamén é responsábel doutro fenómeno ainda mais desgradábel: a inmigración ilegal, que non é senon a táctica dos novos caciques para abaratar a produción. Este fenómeno é en realidade unha “importación” masiva de man de obra ben barata por parte dos países industrializados, en condicións de auténtica escravitude. E os sindicatos, na sua linguaxe  ávidos de “novos proletarios”, acollen como auga de maio a unha “competencia” desleal que servirá de novo viveiro de votantes aos partidos da esquerda.   A inmigración ilegal é unha lesión para a dignidade e os direitos dos traballadores, tanto estranxeiros como locais.

Situámonos en oposición dialéctica como consecuencia de todo o anterior, à Nova Orde Mundial, aos seus valores e principios que impón á forza en todo o orbe, polo que defendemos a resistencia ao proceso de uniformización planetaria.

A mellor vacina e defensa contra esa Nova Orde Mundial é a loita polo mantemento da nosa identidade, heranza ,cultura e lingua, considerando como noso calquera movemento identitario xurdido na Europa. Terra e Povo irmánase así -real e operativamente- a outros movimentos; Mouvement Regionaliste d´Bretagne ,  Tierra y Pueblo, Terre et Peuple, Causa Identitária, etc.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres